Tuesday 07 de May de 2024

Freixanes anima á veciñanza de Brión a participar no proxecto “Toponimízate” para “que a xente sexa consciente do tesouro que é a súa lingua e o seu territorio”


 

Vicente Feijoo, experto en toponimia da Real Academia Galega, salienta que “en Brión hai nomes moi antigos, moitos da época romana e prerromana”

A aula CeMIT do Concello de Brión quedou pequena para acoller a presentación no municipio do proxecto “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra”, unha iniciativa que está a coordinar a Real Academia Galega (RAG) para poñer en valor a microtoponimia e a importancia da súa conservación. Como Brión foi un dos 15 concellos elixidos para o desenvolvemento desta iniciativa, na noite de onte acolleu unha charla ofrecida por Vicente Feijoo, experto en toponimia da RAG, que foi presentado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes.

Freixanes explicou que “é moi bonito ver un país tan humanizado coma o noso onde cada recuncho, cada camiño, cada regato e cada corredoira teñen nome. Porque aquí, todo ten nome e iso supón unha memoria histórica moi importante”. Así mesmo, fixo un chamamento á veciñanza de Brión para a conservación da microtoponimia do municipio pois “ademais da utilidade obxectiva de ter perfectamente localizados os lugares, sobre todo hai que conseguir que a xente sexa consciente do seu patrimonio, do tesouro que é a súa lingua e o seu territorio”.

Pola súa banda, Vicente Feijoo explicou que a microtoponimia é “unha riqueza que se está perdendo” cando “non hai rexión en Europa con tantos microtopónimos como Galicia, que está toda escrita, onde cada leira ten o seu nome e nos conta algo da historia dese lugar”. Neste sentido, indicou que en Galicia hai unha media de 45/50 topónimos por Km2, o que supón entre 1,5 e 2 millóns de topónimos. “En Brión hai nomes moi antigos, moitos da época romana e prerromana”, indicou.

Feijoo advertiu de que “este patrimonio está desaparecendo, sobre todo pola desaparición da xente maior, que é quen coñece eses nomes, e polo abandono das aldeas do rural”, polo que aproveitou para presentar unha ferramenta informática, que estará a disposición da veciñanza o vindeiro mes de xaneiro, e que permitirá que “a xente poida enviarnos unha imaxe do lugar e o microtopónimo que coñece e que, se o consideramos correcto e o validamos, poderá ver como se incorpora ao arquivo”.

Toponimia de Brión

Feijoo explicou que o nome do concello, “Brión”, non provén do substantivo homónimo (carriza ou musgo que nace na corteza das árbores) senón que a súa orixe está na cultura Celta, polo que “significaría algo así como do castro. Posiblemente faría referencia ao Castro de Brión, na parroquia de San Fins”.

No que atinxe ás parroquias, indicou que Santa María dos Ánxeles é un caso de retoponimización de nomes que se consideraron cacofónicos por parte do arcebispado compostelán a finais do XVI, xa que a parroquia chamábase orixinariamente Perros. O nome actual naceu en castelán, “Los Ángeles”, o que explica a forma “Os Ánxeles” e non “Os Anxos”.

O caso de San Xulián de Bastavales ten unha etimoloxía controvertida e problemática, pois hai estudos que o relacionan con “amplo val”, mentres que dende a RAG apostan por un significado diferente: “lugar onde pasta o gando vacún”. No caso de San Salvador de Bastavales, Feijoo sinalou que incluso aparece como San Salvador de Bastavalillos, “un diminutivo de gabinete para evitar a suposta homonimia ou coincidencia de nome das dúas parroquias. Suposta, porque na práctica a xente xa resolve esas homonimias integrando a advocación no nome: Bastavales a secas é a de San Xulián e esta é San Salvador ou San Salvador de Bastavales”.

A parroquia de Boullón debe o seu nome a un hidrónimo prerromano: sitio onde nace auga burbullando. Tamén ten orixe prerromana o nome de Cornanda, que fai referencia ao feito de que a parroquia está situada nunha elevación. Finalmente, a parroquia da Luaña non é un derivado de lúa, como se adoita pensar, senón que é un topónimo prerromano relacionado coas augas.